Actividades

Todas as actividades

DIAFONÍAS. 6 instalacións sonoras + 1 Arredor do Son

Edificio ABANCA Cervantes

Entrada e balde

No contexto da teoría da comunicación, a diafonía (crosstalk) é unha perturbación que se produce entre sinais que discorren por canles diferentes. Este termo tamén foi usado, durante os anos corenta do século pasado, polo cineasta Val del Omar para bautizar un sistema de son cinematográfico de varias canles que, no canto de perseguir a xeración dunha sensación física de espacialidade, baseada na habitual disposición dereita/esquerda, buscaba un desbordamento psicolóxico.

A súa proposta diafónica estaba concibida partindo do encontro e a colisión que se produce entre o son que emana dos altofalantes situados na parte frontal da sala, próximos á pantalla e nos que se reproducen os sons da acción, e o que sae dos que se sitúan na parte posterior, detrás do espectador (música, ruídos, ambientes, etc.), co fin de afectar ao noso subconsciente creando un contrapunto e estendendo “a palpitación sonora naquela liña que une ao espectador co motivo do espectáculo no intre da audición”.

Partindo destas ideas de interferencia e desbordamento, os traballos aquí presentados, 6 instalacións sonoras e un concerto cinemático en catro actos, son unha homenaxe ao cine a través da súa resignificación na arte sonora e buscan mergullarnos nas interferencias e dobreces que se producen entre o que vemos, o que escoitamos e o que imaxinamos, tomando como punto de partida a capacidade do ollo e do oído para transformarse mutuamente.

OBRAS

 

Alex Mendizabal

Pelos na rúa e pelis na lingua

Cine Viandante en 4 actos polas rúas, prazas e pórticos da cidade.

Venres 6 de Outubro | 13:00 h. Punto de encontro: Praza de Cervantes

Venres 6 de Outubro | 20:30 h. Punto de encontro: Rúa Nova

Sábado 7 de Outubro | 14:00 h. Punto de encontro: Praza de Cervantes

Sábado 7 de Outubro | 20:30 h. Punto de encontro: Rúa Nova

 

Berio Molina

Fubarta, 2017

Fubarta é un ser sonoro. Toma o seu nome das baleas chepudas (ou iubarta), coñecidas pola complexidade do seu canto. Esta obra foi creada para a realización dunha das sete accións sonoras que teñen lugar na película 7 Limbos, concretamente, para a secuencia rodada na fábrica Massó de Cangas, onde, desde mediados do anos 50 ata mediados dos 80, se desmembraban baleas para vender a súa carne. A película está dirixida por Alexandre Canelo e Berio Molina. Na actualidade, atópase en proceso de montaxe e conta coa axuda de AGADIC.

 

Christian Marclay

Telephones, 1995

(Colección CGAC, Santiago de Compostela)

Un dos eixes principais do traballo de Christian Marclay é a relación entre a imaxe e o son nas súas múltiples manifestacións. Thelephones é un ensamblaxe de secuencias extraídas de diferentes películas que representa a nosa relación con este medio de comunicación (marcar, soar, descolgar, falar e colgar). A pesares de tratarse de fragmentos inconexos, a montaxe, que se move con axilidade entre xéneros cinematográficos, adquire coherencia a través de elementos como os primeiros planos do teléfono, os sons das chamadas, os xestos dos actores ou as propias conversas en fragmentos.

 

Nader Koochaki

Paisaxe Dorsal, 2009 - 2015

Paisaxe dorsal é un arquivo que recolle os sons producidos polas chocas de rabaños de máis de cen ovellas de Guipúscoa. Aínda que son abundantes os estudos publicados sobre a práctica do pastoreo, os traballos que se centraron no aspecto do son non abundan. Este ofrece novos contidos para a disciplina antropolóxica manifestando os efectos que o pastoreo ten no tecido da paisaxe sonora. Atendendo a estes materiais, pasamos das membranas da natureza ás humanas, sen poder concretalas, nun estado eternamente sublime.

 

Ulobit

Ulobit para peto, 2012

Esta pequena e íntima peza de Ulobit é, ao mesmo tempo, unha nova interpretación dixital dunha caixa de música e unha mostra dos procesos de traballo nos que se basean as súas sesións audiovisuais, nas que un instrumento de manivela (a zanfona), representada aquí por unha pequena pianola, se funde cos sons electrónicos e o procesamento de vídeo en tempo real de imaxes de danza encontradas.

 

Vázquez / Arrieta

Going in circles, 2011

Going in circles aborda, mediante o estudo do ciclismo de pista, as dinámicas, mutacións, ritmos e tons do movemento dun grupo.

Concibido coma un dispositivo, a obra analiza os réximes de visibilización e performatividade dun pelotón coma corpo e convértese nun vehículo para estudar a mediación que intervén no proceso, amosando de principio a fin a formación e disipación dun colectivo. A instalación está composta dos rexistros obtidos a partires da posta en escena dunha carreira de K-cycling organizada polos artistas, que tivo lugar en Gwengmyeong (Seúl). Na cinta participaron todos os axentes que son habituais nunha carreira (corredores, xuíces, xuíces de liña, auxiliares, operadores de cámara, etc.). A pista sonora construíuse a partires da composición dos sons obtidos tras a colocación de micrófonos en contacto coa pista, ademais de outras unidades de rexistro.

 

Xabier Erkizia

Il rumore lontano, 2017

Il rumore lontano (o ruído afastado) é o resultado dun proxecto de investigación sobre o son e a xeografía realizado no Cantón do Tesino. Esta comarca fronteiriza do sur de Suiza alberga o coñecido túnel ferroviario de San Gottardo (dobremente recoñecido como o túnel máis longo do mundo, primeiro en 1882 e, despois, en 2016), que á súa vez, articula unha extensa rede ferroviaria transfronteiriza que demarca toda a zona. A través dunha serie de gravacións sonoras realizadas en diversos servizos de tren, así como de entrevistas feitas a maquinistas, controladores, viaxeiros e veciños, o proxecto propón unha reflexión crítica sobre a xeografía, facendo fincapé no paradoxo entre espazo e lugar que presenta o tren.

Pódese consultar o proxecto completo no libro-CD co mesmo nome.

http://www2.supsi.ch/cms/rumore-lontano/