Especiais

Contidos relacionados

Arredor do Son

¿Consegue algunha vez o espectador esgotar os obxectos que contempla? Non existe fin para o seu deambular. Ás veces, sen embargo, pode sentirse como se, despois de explorar mil posibilidades, se atopase escoitando, con todos os seus sentidos en tensión, un confuso murmurio. As imaxes comezan a soar e os sons son outra vez imaxes. Cando este murmurio indefinido (o murmurio da existencia) o alcanza, pode ser que se atope máis preto que nunca da meta inalcanzable.

Siegfried Kracauer

Segundo unha antiga lenda, un pintor chinés foi encarcerado porque o ruído da fervenza que pintara no cuarto principal do pazo non deixaba durmir ao emperador. Sexa certo ou non, este relato fálanos da capacidade do artista para representar a natureza cun realismo brutal, pero tamén da complexidade dos sentidos e de como certas experiencias se constrúen e completan entre o ollo e o oído.

Aínda que o verbo “imaxinar” delata a nosa inclinación a darlle maior protagonismo ás representacións visuais, tamén podemos construír ou recrear mentalmente sensacións auditivas. Deste xeito, aínda que o cine comezou sendo un espectáculo para a mirada, a escoita xa estaba implícita nas imaxes. É difícil que non resoe en nós, coa mesma claridade coa que o facía a fervenza no insomne emperador, o renxer dos ferros, o chifre ou o atarefado bulicio do intercambio de pasaxeiros cando vemos a ben coñecida chegada do tren á estación, filmada polos Lumière. Son eses ruídos, e non a música ou as voces, os que nos asaltan cando presenciamos escenas coma esta.

O desenvolvemento de dispositivos capaces de atrapar e reproducir sons e imaxes en movemento poría o colofón ao século XIX. Aquelo que ata o momento semellaba inalcanzable, atrapar o transitorio e o fugaz, parafraseando a Baudelaire, convertíase nunha auténtica revolución cultural, aínda que ámbalas dúas formas de rexistrar e representar a realidade tardarían uns anos en atoparse definitivamente.

O cine non é visible e audible, senón algo que sucede no medio de ámbolos dous sentidos. Se as imaxes se proxectan sobre a pantalla, o son é o modo que ten o cine de proxectarse sobre nós, de expandirse e encher o espazo, situándonos no centro e non en fronte, creando así unha topografía na que un se somerxe. Sen embargo, durante moito tempo, o audio cumpriu unha función accesoria para acompañar a contemplación, foi un complemento que veu despois e que servía para resaltar ficcións, destacar intres ou unir continuidades.

Por sorte, cada vez son máis os creadores que, entendendo a obra cinematográfica na súa totalidade, descobren nel un recurso non só eficaz para “coser” planos, senón tamén necesario na elaboración de estruturas e narrativas e, sobre todo, na reafirmación da súa natureza coma unha experiencia sensible. Como dicía Alberto Cavalcanti, mentres “as imaxes son claras e específicas, os ruídos son vagos” e “falan directamente ás emocións”.

Ruídos dos que está feito ese “murmurio indefinido” que nos alcanza entre raios de luz e que será o protagonista desta nova edición de Curtocircuíto, na que o son ocupa o centro e que persegue a ilusión de atrapalo ao situarnos ao seu redor, cando en realidade, sempre nos envolve.

Estes encontros queren ser un espazo aberto ao diálogo ao redor do sonoro como eixe de expresión e como vía de coñecemento. Reivindicar o lugar do tímpano xunto á retina e, centrándose en aspectos como a gravación de campo, a etnografía, a inmersión sensorial, a sinestesia, a performance ou a paisaxe e deseño sonoros, ser un punto de encontro interdisciplinar, de reflexión e debate.

Xoán-Xil López