Rebobina! Experimentos sonoros con cinta de casete Arredor do Son
Mateo Mena
Cun enfoque faino-ti-mesmo (DIY) práctico e accesible, Rebobina! é unha aproximación á bricolaxe e reciclaxe sonoras que pretende replantexar tanto a nosa relación coa tecnoloxía e a súa obsolescencia como cos procesos da creación contemporánea e a música experimental. Este divertido obradoiro está especialmente indicado para públicos de entre 8 e 12 anos, pero tamén está recomendado para asistentes de maior idade.
O obradoiro Rebobina! propón un achegamento á “antiga” tecnoloxía da gravación magnética, que tivo o seu auxe nos anos 80, abordada desde a perspectiva da arte sonora.
Durante a primeira parte da actividade, mediante a utilización de radiocasetes, walkmans e cintas, aprenderemos diversas técnicas da manipulación creativa que van desde a simple gravación de sons ata a creación de loops, modulacións de velocidade, duración, creación de saturación, distorsión ou fabricación de mesturas sonoras. A segunda sesión serviranos para crear unha peza experimental de xeito colectivo.
Todos estes contidos, principalmente prácticos, abordaranse utilizando materiais sinxelos e de baixo custo para que, unha vez rematado o obradoiro, se poida continuar experimentando e aprendendo de forma independente.
-
Mateo Mena
Artista sonoro e deseñador de instrumentos musicais electrónicos. O seu traballo céntrase no desenvolvemento de novos instrumentos analóxicos e na súa posterior utilización musical, ben en solitario ou formando parte de agrupacións como a Orquestra Metamovida. Compaxina esta faceta creativa con proxectos de divulgación científica, como os obradoiros Circuito tecnolóxico ou Música electrónica con materiais cotiáns, que xiran ao redor de como nos relacionamos coa tecnoloxía e os formatos sonoros, desde a estética do DIY e o aproveitamento de residuos tecnolóxicos.
Con estes proxectos, participou en festivais coma Imaxinasons (Vigo, 2015), Educación y escucha activa (Córdoba, 2016), Pontenciencia (Pontevedra, 2016) ou Sons creativos (Lugo, 2017) e en espazos de creación coma Tabakalera (San Sebastián), MUSAC (León) ou Domus (A Coruña).